Palleira A Laxe 7

Imaxe principal
Palleira A Laxe 7

Ficha

Hórreo propiedade dos heredeiros de Rogelia Abal Ucha, formaba parte do conxunto de catro palleiras que conformaban a eira da Laxe. Trátase unha palleira de tipoloxía mixta ao usarse para a súa construcción pedra e ladrillo e a súa orientación é Leste-Oeste.

A eira, sobre a que se asenta,  conta cun peitoril formado por dous perpiaños  (2,40 m x 0,17 m x 0,35 m) que vai paralelo á traza co Carreiro da Laxe, que tiña no seu día a función de evitar que o gra se estragase polo carreiro.

A cámara está composta por dous claros que se sustentan en tres pares de pés de pedra (0,96 m x 0,21 m) descanteados e coa base na tradicional forma de bota. Na actualidade, o piso da antiga eira está cuberto por materiais de entullo que non deixan contemplar a antiga soleira; só se poden percibir uns cadrados de pedra de 0,60 m de lado por 0,09 m de grosor, sobre os que se asenta cada un dos pés. Enriba dos pés atópanse os tornarratos de superficie plana e circular, cun diámetro de 0,85 m e unha sección de 0,17m.

A trabe da palleira está soportada por dous pontóns empalmados no medio en bico de frauta que corren ao longo sobre os tornarratos e levan enriba deles 12 traveseiros. O estado de conservación parece bastante aceptable. As táboas do piso son as que presentan un maior ataque da couza.

A cámara propiamente dita está formada por dous linteis compostos á súa vez por catro pezas de granito de 2,67 m x 0,42 m x 0,21 m, dúas a dúas en cada costal. Sobre os linteis álzanse as columnas de 1,26 m x 0,40 m, tres no costal do Norte e catro no costal do Sur, pois neste é onde leva a porta. O costal do Norte enche os vans entre columnas, onde antigamente levaría doelas de madeira, con catro fiadas de dezaoito ladrillos cada unha, con aparello asentado polas testas, de xeito oblicuo e cunha aliñación igual en tres das fiadas e unha inversa na restante.  

O costal do Sur é onde abre o van de ingreso, a porta da palleira. A porta está feita con cinco táboas verticais e conta con dous porlóns e dúas bisagras. No lugar onde nalgún tempo tiña unha pechadura ten hoxe unha cadea cun cadeado. O batente da porta está refundido nas propias columnas, o que fai que a porta quedase a pano con elas. Os vans están cubertos por catro fiadas, oito unidades de ladrillo (cada unha no máis próximo ao penal do Oeste) e de dezaoito no van conformado pola columna que soporta a porta e a columna do Leste.
Os penais do Leste e do Oeste son semellantes e contan cos linteis e as columnas. O oco que queda entre elas está ocupado por dous conxuntos de doelas verticais e oblicuas de pedra, de catro elementos cada unha, separados por unha faixa.

O perímetro da cámara na súa parte superior conta cunha cornixa de  molduras mixtas moi ben labrada.
O pinche do Leste ten como elemento ornamental unha pequena fenda que vai paralela á cornixa. Sobre el leva as sobrepenas, ben traballadas e con chafráns.

O pinche do Oeste conta coa mesma fenda horizontal, á que se lle engadiu un pequeno ollo. Debaixo da fenda conserva unha cartela enmarcada por dúas liñas horizontais e dous ángulos nos extremos, onde podemos ler AÑO DE 1847. Tamén ten as sobrepenas habituais.

A cuberta é a dúas auga e neste momento ten tella plana. Nos cumios e en cada penal conta con lampións en forma de cruz tetrapétala con botón central.

A encintada da palleira oculta seguramente as forras de cuncha de ostra e de vieira habituais neste tipo de construcións de pedra.