Palleira A Laxe 13

Imaxe principal
Palleira A Laxe 13

Ficha

Esta palleira correspóndese coa tipoloxía que denominamos de pedra, pois a súa cámara está feita deste material. Está situada sobre a eira da Laxe  a cal estaba conformada antigamente por un conxunto de catro palleiras mais na actualidade só conta con tres. A súa orientación aproximada é Norte-Sur.

Aséntase sobre unha masa granítica adaptada, é dicir, con rebaixes na rocha orixinal, á que lle engadiron unhas lousas de pedra para facilitar os labores propios da eira (mallar o trigo e o centeo). Estas lousas están hoxe encintadas cun morteiro de cemento. Sobre elas érguense tres pares de pés descanteados de 1,05 m, de sección cadrada de 23,5 cm de lado, e teñen como asento a característica sección en forma de bota. Destaca especialmente o pé de apoio que está emprazado no ángulo que debuxan os Carreiros da Cruz e o da Laxe. Este pé está suplementado por tres pequenos bloques de granito de sección variable e que en conxunto acadan os 45 cm de altura, que vén sendo o desnivel do terreo. Esta solución arquitectónica está totalmente integrada na rocha natural que a rodea. Os pés conservan restos de cal, o que nos indica que nalgún tempo estaban recubertos dalgún tipo de revoco sobre a que se aplicaba o cal.

Enriba dos pés aséntanse os tornarratos, que teñen unha sección de 0,20 cm e un diámetro de 0,75 cm. Estas capas teñen unha gran plasticidade, pois a superficie voada, a que queda cara ao extqextqeriorerior, ten forma de media laranxa convexa, e a superficie de apoio da cámara é de sección prismática. Tamén sobresaen porque están feitas con granito de gra fino, o que nos indica a grande importancia que tiñan estas pezas no conxunto destas construcións.

A cámara propiamente dita é de dous claros (4,88 m x 1,87 m) con dous linteis de dúas pezas, cada un de 2,44 m x 0,30 m nos costados e de 1,50 m x 0,30 m nos penais.

A grade está amañada con 11 unidades de traveseiros de 12 cm x 0,60 cm e por dous pontóns que corren sobre os tornarratos de sección de 13 cm x 0,10 cm, feitos de casqueiro e con rebaixes para fixar os traveseiros. Enriba desta estrutura aséntase o piso de madeira da cámara, composto por 6 táboas. Cómpre destacar que o conxunto do piso está moi atacado pola couza.

As columnas que se erguen sobre os linteis teñen unha sección de 1,10 m x 0,40 m. Destacan as do penal do Leste porque levan un encaixamento de 0,40 cm x 0,24 cm que divide a columna en dous corpos. Tanto os costais como os penais están compostos por doelas prismáticas de pedra dispostas de xeito vertical. Dispoñen de fendas entre elas para facilitar a aireación e sepáranse por unha faixa, tamén de granito, en dous corpos horizontais. O costado Sur consta de dous corpos de 10 unidades cada un con columnas de 20 cm de sección, deixando entre cada unidade unha fenda de ventilación. Os penais do Leste e do Oeste levan sete unidades de doela.

O costal do Norte leva a porta de ingreso á palleira. A porta está feita con catro táboas (1,17 m x 0,86 m) e pintada de cor verde; leva dúas bisagras e amosa dous ollos de pechadura, aínda que entendemos que só ten unha fechadura.

Na súa parte superior, todo o perímetro da cámara leva unha cornixa duns 0,25 cm de alto en forma de cuarto de circunferencia na cara que voa ao exterior.

O pinche do Leste está decorado con catro fendas de ventilación abucinadas e un rosetón central que as separa de dúas en dúas. Sobre o pinche ten as sobrepenas descanteadas de moi boa sección. No cume leva un pequeno cimacio no que aínda se poden ler as iniciais A F, correspondentes a Agustín Fernández, que era o antigo propietario. Enriba ten como lampión un tronco piramidal rematado en bóla.
O pinche do Oeste ten como decoración catro celiñas en forma de minúsculo nicho e sobre elas un pequeno rosetón hexapétalo. Enriba da sobrepena, e no cume, leva como lampión unha cruz tamén de pedra.
A cuberta é a dúas augas con tella plana. Co fin de aproveitar as características deste material, fixérona voar algo máis que a media tella.

Nalgunhas das xuntas aínda se conservan as cunchas de vieira ou de ostra. Por outra banda, esta palleira ten xuntas encintadas.

Diante da porta e afincado no chan consérvase un pequeno fito de pedra.

O propietario actual desta palleira é Valentín Pesqueira Ricoy “O Camiñeiro”, que reside en Bos Aires (Arxentina).