Palleira A Laxe 11

Imaxe principal
Palleira A Laxe 11

Ficha

Esta hórreo é hoxe en día propiedade dos herdeiros de Manuel Pérez Calvo “O Falucho” e forma parte do conxunto das catro palleiras que antigamente compoñían a eira da Laxe.

Érguese no mesmo macizo granítico que a palleira da Rúa da Laxe 10, aínda que o chan está enlousado na súa maioría con pedra serrada e asentada sen xunguir. Obedece á tipoloxía denominada de albanelaría. A orientación da construción, tendo en conta os penais, é Leste-Oeste.

Como acontece en moitos outros casos, esta palleira era antes de madeira, mais conserva o seu emprazamento orixinal e tamén emprega algún dos elementos da antiga palleira, como son os catro pés e os catro tornarratos.

É unha palleira de dous claros asentada enriba de tres pares de pés cos seus respectivos tornarratos. Os catro pés dos penais foron aproveitados dos orixinais e teñen unha altura de 1 m x 0,20 m de sección, contando coa característica forma de pé de bota para asentarse no granito natural. Os tornarratos presentan unha superficie plana e circular, e as súas dimensións son 0,72 m de diámetro por 0,17 m de grosor. Ambas as dúas pezas son de pedra. Entre elas construíronse dous piares de ladrillo recebados con morteiro de cemento de 1,07 m de alto (hai que ter en conta que o asento non conta co pé de bota) e 0,26 m de sección. O tornarratos tamén é de ladrillo e mide 0,64 m x 0,11 m.

A trabe está conformada por oito traveseiros e dous pontóns asentados nos tornarratos, que están feitos de madeiras procedentes das bateas de mexillón. As seis novas táboas con que conta o piso foron instaladas hai poucos anos.

A cámara (3,62 m x 1,55 m) do costal Sur ten unha distribución semellante ás de tipoloxía mixta e dispón de columnas lisas de 1,55 m x 0,25 m. Entre estas hai catro fiadas de ladrillo oblicuo colocado polas testas, separados á súa vez por tres faixas tamén de ladrillo. O extremo máis próximo ao penal do Oeste conta con tres fiadas de ladrillo e o que resta logo da porta conta con trece ladrillos. A porta ten unhas dimensión de 1,16 m x 0,73 m e está feita unicamente con chapa metálica. Ten tamén dúas bisagras cos seus respectivos porlóns, unha pechadura e unha asa, e está pintada de negro. A cámara é de cor amarela nas partes estruturais e de marrón nos ladrillos.

O costal do Norte ten a mesma composición que a que acabamos de describir, é dicir, tres columnas de 1,55 m x 0,25 m e entre elas catro fiadas de trece ladrillos.

O penal do Leste ten unhas dimensións de 2,00 m x 1,55 m e conta coa mesma distribución que nos costais (trece ladrillos en catro fiadas), aínda que as filas próximas aos linteis teñen catorce. No pinche leva dúas fendas abucinadas paralelas ás sobrepenas e mais un ollo entre elas. Como elemento decorativo e en relevo ten as iniciais M . P., correspondentes a Manuel Pérez, e a data de construción (6/06/68).

O penal do Oeste é similar ao Leste, aínda que conta con tres pequenos círculos no pinche.