Palleira Chousa 10

Imaxe principal
Palleira Chousa 10

Ficha

Esta palleira é das denominadas de tipo mixto (a tipoloxía máis habitual en Combarro), xa que na súa construción se empregaron pedra e madeira como materiais fundamentais. É unha das tres máis grandes da parroquia, pois consta de tres claros. Atópase a carón da praia de Chousa e da rúa homónima. Está emprazada nun plano moi superior á rasante da rúa, como se se erguese sobre un grande zócolo de pedra, aínda que en realidade esta función é desempeñada polo muro de contención da propia finca. Este emprazamento tan primacial dota a palleira dunha panorámica excepcional e fai que a vista do piso da palleira acade unha especial significación. Os penais teñen unha orientación Norte-Sur.

Consta de catro pares de pés descanteados de sección cadrada de 1 m de altura, coa superficie de apoio ensanchada a modo de bota, asentados sobre soleiras individuais, agás os dous pés do penal Sur, que o fan sobre o muro de sostemento da finca. Sobre os pés atópanse os oito tornarratos ou capas de superficie plana, que presentan un diámetro de 0,85 cm e un canto de 0,15 cm.

Como recolliamos antes, a cámara (6,00 m x 2,13 m) é de tres claros, e os linteis de granito están conformados por tres pezas de 2 m x 0,40 cm cada unha e en cada costado.

A armazón da grade está composta por catro traveseiros e catro pontóns ou largueiros sobre a que se apoia o piso de táboas de piñeiro.

Sobre os linteis pousan as columnas de 1,67 cm x 0,42 cm, tanto as dos costais como as que forman o penal Sur. As do penal do Norte teñen unha dimensión maior, xa que cada unha delas se ensancha nunha soa peza, cunha doela que presenta unha fenda vertical de ventilación en dous niveis. Entre elas atópase a porta, de 1,31 cm x 0,93cm, composta de dúas táboas verticais e dunha horizontal máis estreita na parte superior, con dous porlóns, dúas bisagras e unha pechadura.

Os costados, como corresponde á tipoloxía mixta, constan de tres corpos de madeira de castiñeiro entre columnas (1,22 m x 1,40 m), e as doelas presentan entre elas unhas fendas verticais de ventilación atravesadas por unha faixa horizontal que evita que escoren. Estes panos de madeira encaixan nas entalladuras que levan as columnas.

As madeiras dos costais, así como a porta, están pintadas de cor vermella escura. Antigamente, estes elementos tratábanse na súa cara exterior, e a madeira protexíase a base de saín mesturado cun colorante chamado almagre, que daba como resultado esta característica cromática tan propia das palleiras de Combarro.

O penal do Sur ten entre as columnas dous corpos de granito constituídos por doelas de catro prismas cuadrangulares dispostos de xeito oblicuo, coas fendas de ventilación verticais en dous niveis e unha faixa horizontal intermedia como a dos costais de madeira.

Enriba das columnas preside todo o perímetro unha cornixa de granito moi ben traballada, que ten como funcións protexer a cámara da choiva a modo de tellado e tamén servir de asento para a cuberta.

O penal do Norte ten un pinche que presenta a media altura unha fenda horizontal de ventilación. Sobre esta aparece gravada a inscrición AÑO 1830; e entre a palabra AÑO e a data figura un pequeno rosetón decorativo. Enriba do pinche leva unha voada capa ou sobrepena rectangular con rebaixes, que ten como misión protexer o encontro entre a cuberta, as tellas e o propio pinche. O acceso aínda conserva, chantado na terra, un pequeno piar, que no seu día se complementaba coa escada de madeira que se pendurada debaixo da palleira.

O penal do Sur está configurado por tres perpiaños perfectamente encaixados en seco, e tamén figura nel un pequeno rosetón ornamental. Así mesmo, leva a sobrepena en cada vertente da cuberta sobre o pinche do penal.

A cuberta, como todas as palleiras de Combarro, é a dúas augas. Presenta tella plana, aínda que se proxecta cambiala por tella curva ou do país nunha futura rehabilitación. As beiras non son pronunciadas, senón a media tella.

A palleira está rematada por dous lampións de pedra en forma de cruz, semellantes á esoutra que coroa o Cruceiro de Chousa, e aséntanse directamente nos cumios que configuran os vértices das sobrepenas, tanto no penal do Norte como no do Sur.

Historia familiar

Cóntanos Lola Romero que antes de que o millo enchera a palleira das de Romero, os xornaleiros e xornaleiras cavaban as viñas e as veighas; o Sr. Juan O Lugheiro labraba e carrexaba co carro. Plantaban patacas e no medio do millo tamén se botaban fabas, tiñan moitas veighas pero especialmente acorda as fincas que tiñan na Seca, na de Amorín ou en Chancelas.

As veighas levábanas “as medias”, “ti metá e el un pouco máis da metá”. As que tiñan arrendadas, xa traían elas a colleita de millo no seu carro até a casa, en Combarro.

“Antes o rueiro era un vesindario como se fora unha familia”. Axudabámonos uns aos outros cando era que había que facer a esfollada. Tamén viñan os veciños a axudar a enrestrar. Marcharon todos para América, quedaron as Menoras e máis nós, o rueiro quedou vacío.

Nós tiñamos muíño na Seca, xunta a carretera, outro en Rial que usaba o Sr. José O do Monte, e tamén outro na Sela. Usábase un ou o outro seghún as horas que tiñamos. No vrán como non había augha tiñamos que ir moer a Areas ou a Sanxenxo. Tamén se ía moer a Poio a de Sra. Lola Sobral e Sr. Maximino Pousada nos Catro Camiños, tiñan moita xente; outras veses levábase a moer a de Angelito Escudero, o irmán de Sr. Antonio O Recortador, tardaba oito ou quinse días en traer a fariña.

No tempo da gherra e despois da gherra alghunha xente que non tiña veighas tiña que roubar para comer, había moita fame, moita nesesidá.

Na nosa casa había forno e lareira, eramos sete fillos.