Presentación

Debuxo descriptivo de Paco Guerra sobre a estructura das palleira de Costráns.


Combarro segue a loitar aínda na actualidade por manter intacta as pegadas do pasado, que sen dúbida algunha dotaron a vila mariñeira do seu carácter excepcional e pintoresco. Foron moitos os factores que interviñeron na conformación da súa arquitectura, na que os hórreos, aquí denominados «palleiras», se erixen como elementos característicos e excepcionais. Lonxe de toda mitoloxía, estas construcións participaron e aínda hoxe continúan a participar do tecido nutricional das familias do pobo.

Palleira.gal é un proxecto creado con dous obxectivos básicos: por un lado, coñecer e recoñecer o contexto histórico e social no que foron construídas e empregadas as palleiras en Combarro; por outro, ofrecer un catálogo de palleiras individual e pormenorizado no que se ofrecerá a súa xeolocalización e incorporará tanto características arquitectónicas como aquelas aportadas pola intrahistoria familiar. Unha vez máis, comprender o pasado vólvese condición imprescindible para percorrer do mellor xeito posible as calellas do futuro.

Tanto os contidos como a tecnoloxías de palleira.gal están publicados con licenza libre, xa que este proxecto se define como unha aposta por compartir a información e a tecnoloxía utilizada. Ambas poden ser copiadas, empregadas e melloradas para diferentes obxectivos.

Palleira.gal créase a partir da cultura libre nacida nas terras de Mugardos e Melide e tamén do agarimo polo patrimonio que nos rodea e que é vital valorar e conservar. É herdeira de proxectos como aculturadaauga.org e abeancos.gal. Agarda que a súa existencia sirva non só para divulgar o patrimonio do noso casco histórico, senón tamén para ofrecerse como modelo co fin de que o facho da cultura local continúe a alumearse noutras comarcas e vilas.