As Palleiras en Combarro

En Combarro, como en calquera outro lugar da Terra, desde os tempos prehistóricos a alimentación fundamentábase nalgún tipo de cereal, esta causa primixenia fixo preciso que o seus habitantes foran desenvolvendo, no devir da historia, técnicas e instrumentos para poder almacenar e conservar os froitos dos distintos cereais, dando lugar aos graneiros ou hórreos que hoxe, en Combarro, chamamos “palleiras” e que tanto o caracterizan.

Debuxo descriptivo de Paco Guerra sobre a estructura das palleira de Costráns.

Dous son os factores máis influentes a ter en conta para almacenar, secar e conservar os cereais,un, centrado nos axentes climatolóxicos como son a humidade ambiental e a choiva propia da zona atlántica na que se atopa Combarro; dous, algúns animais, especialmente os roedores.

Grazas as fonte documentais primarias coñecemos que o millo miúdo ou paínzo, o trigo, e o centeo, conformaban o abano básico dos cereais que se cultivaban en Poio antes do século XVII, data na que se produce o cultivo extensivo do millo entre nós.

Non sabemos cando se ergueron os primeiros hórreos no Concello de Poio, pero si temos testemuños do que poden ser os antecedentes no foro que o Abade do Mosteiro de San Xoán Frei Lope de Frías, lle fai a Alonso do Çepo e ao seu sobriño Pedro do Çepo o día 12 de abril do ano de 1553. Nel afóralles medio casar do Paço con “todas as súas casas, cortes, celeiro, herdades, viñas, sotos e devesas… “polo que tiñan que pagar de renda “en cada un ano trinta y seis celemines de pan mediado, millo e centeo, limpo e seco”.

Noutro documento foral do Mosteiro de San Xoán de Poio do día 7 de novembro de 1575, o Abade Frei Benito de Torres, faille un contrato a Bartolomé García do Souto e a Inés García, no cal se di que debían pagar “quince celemines de pan mediado, centeno e millo, limpios e secos de polvo e paja e de otra mestura alguna, puestos al pie de la tulla por cada día de San Miguel de setiembre”.

Os celeiros e as tullas deron paso en Poio a un tipo específico de hórreo, as chamadas palleiras de costráns. Aínda hoxe nos lugares de Arís e a Ucha consérvanse palleiras de costráns.

O eminente arqueólogo Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza deixou escrito no seu diario que cando visitou o día 24 de agosto de 1951 o petróglifo do Xubiño, fotografou varios “hórreos de rama de salgueiro, pilares de piedra, techo de paja de centeno, renovada todos los años, sobre la armadura de pino del país. Entramado de piso de castaño. Lo hizo un tal José do Ache, carpintero, de San Martín, un lugar cercano, en donde hizo otros, algunos hoy conservados,… otro en Combarro.

En Combarro, e por razón da documentación do Mosteiro de San Xoán de Poio, coñecemos como a partires de mediados do século XVII foi construído o valo da ribeira, para que no solo que no seu seo se xerou, se fixera o recheo sobre o que se asentaron o amplísimo número de palleiras, que aínda hoxe se conservan. Este argumento está avalado, unha vez máis, polas escrituras forais onde é a partires de mediados do século XVII cando se menciona dito valo, que nas ditas escrituras recibe o nome de “baluarte da ribeira”. Así sabemos que no foro feito a Lucas Rodríguez polo Abade, Frei Pedro Díaz Inguazo, o día 12 de marzo de 1662 , dise que se lle afora “un sitio para hacer una casa en el baluarte junto a la huerta de María da Mouta.- y a Alonso de Melidáns otro sitio para otra casa abajo del camino de la ribera de la laxe junto al baluarte que confina con la orilla de la mar”.