O hórreo na historia

A primeira representación gráfica dun hórreo atopámola na Cantiga de Santa María número CLXXXVI de Alfonso X o Sabio. A miniatura incorpora a imaxe de dous hórreos, e nun dos versos podemos ler: “Como os monges s’acharon outro día os orrios cheos de muy bo trigo”.

No século XVII introdúcense o millo americano e a pataca en Galicia. Para algúns investigadores, o inicio da aclimatación e expansión da produción do millo tivo lugar en Galicia en 1604 da man de D. Gonzalo Méndez de Cancio e da súa dona Magdalena de Luaces. Outros autores chegan á conclusión de que o millo americano non se expandiu de xeito uniforme por todo o país. Con todo, todos os estudosos concordan en que a adaptación do millo na nosa terra trouxo unha profunda mudanza para o campo galego: incrementou enormemente a produción cerealeira, o que se traduciu nunha alimentación máis completa e mellor, que implicou un forte aumento da poboación no século XVIII, ou na redución da cabana gandeira, o que orixinou unha substancial modificación no ciclo produtivo.

Estas e outras consecuencias fixeron que o hórreo tamén se tivese que adaptar ao novo escenario do campo galego. O número de unidades increméntase de xeito substancial, pero tamén o seu deseño é xa máis próximo ao que coñecemos hoxe (cambia o volume e introdúcense fendas entre as doelas para facilitar o secado do millo e a súa protección do ataque dos ratos). A madeira era o material máis común que se empregaba para erguer un hórreo. Non será ata finais do século XVII e principios do XVIII cando, levados da man dos foros, os mosteiros bieitos e cistercienses, e tamén os pazos fidalgos, incorporen a pedra como material máis cobizado.
No substrato de reformas do sistema liberal produciuse unha grande expansión do hórreo, facilitada xa a finais do século pola Lei de Redención de Foros, pola incipiente mecanización agraria, que aumentaría a produtividade, e polas novas técnicas de cultivo.

O século XX trouxo profundos cambios para o campo galego. Os grandes avances tecnolóxicos, especialmente significativos no mundo dos transportes transoceánicos, fixeron que o gando e o cereal galegos tivesen que competir, nunha insuperable desigualdade, cos que viñan de alén mar. O prezos agrarios sufriron un fondo descenso, o que redundou directamente nos beneficios que se obtiñan na venda e tamén na propia desvalorización da terra.

A medida que avanza o século, os cambios económicos, sociais, políticos e culturais vanse afianzando en Galicia. O decreto de redención foral de Primo de Rivera de 1926 puxo punto, case final, ao eterno problema da disociación entre os posuidores do dominio directo da terra e o dominio útil da mesma. O hórreo tamén se ve afectado por todas estas transformacións. Mudan especialmente os materiais con que se erguía a cámara (de madeira, granito ou mixta) e dáse paso ao ladrillo e ao cemento.