A orixe do hórreo

Son varias as teorías que tentan determinar cal é a orixe do hórreo. De seguido presentamos as máis recorrentes:

  • Orixe prerromana: basease en que a construción estaba feita enteiramente en madeira, polo que xa existiría antes da chegada dos romanos.
  • Orixe romana: esta interpretación susténtase en textos dos escritores clásicos como Estrabón, Plinio, Colunmela ou Varrón. Os romanos introducirían e perfeccionarían melloras técnicas sobre os silos xa existentes no noroeste e norte peninsular. O fomento da agricultura intensiva implicaría a necesidade de silos de almacenamento e secado. Así mesmo, os romanos serían os que dotarían estes silos de planta rectangular no caso galego e cuadrangular no tipo asturiano. Coas achegas técnicas romanas, a cámara que en orixe sería de vergas pasaría a ser de madeira e a cuberta de palla deviría en cuberta de tella curva romana.
  • Orixe palafítica: entende esta construción como unha prolongación das vivendas de zonas lacustres dos ríos e lagos ergueita sobre pés de madeira. Destaca fundamentalmente como defensor dela o polaco E. Frankowski. Porén, é rexeitada polos que sosteñen a hipótese da funcionalidade, quen consideran o hórreo coma unha construción que ten a súa razón de existir na función de protección contra os roedores e a humidade, propios do marco xeográfico de clima húmido e chuvioso onde se consolidaron estas construcións. López Soler afirma que o hórreo é un anexo da casa labrega que se foi individualizando da propia casa co incremento das colleitas.
  • Orixe sueva: sitúa a orixe do hórreo na cultura sueva, defendida entre outros polo portugués Jorge Días. Defenden que o primitivo canastro de vergas foi modificado no século V polos suevos, que lle darían forma rectangular, erguida, estreita e longa.
  • Orixe na intrahistoria cultural: unha teoría máis novidosa é a que defende o profesor Gómez-Tabanera, quen sostén que a orixe do hórreo está na intrahistoria cultural humana e nos determinantes ambientais, climáticos, paisaxísticos e socioculturais que fixeron posible a súa invención e persistencia. A importancia dos cambios climáticos nos ciclos produtivos desde a Antigüidade e a necesidade de protexer as colleitas da humidade son os factores esenciais para a aparición do hórreo e posterior evolución técnico-construtiva.

O insigne investigador Ignacio Martínez Rodríguez, un dos grandes estudosos do hórreo galego, acredita a orixe preromana dos hórreos, rexeitando as teorías romana, palafítica e sueva.